Friday 19 de April de 2024

Sogama pecha a compra de dúas parcelas nas que se ubicará a nova planta de transferencia de Cee por máis de 270.000 euros


A Xunta adquiriu 4.530 m2 no polígono industrial de Cee, para trasladar a actividade que agora se realiza na planta do Monte do Son

A Xunta de Galicia pechou hoxe a compra de dúas parcelas do polígono industrial de Cee nas que se instalará a nova planta de transferencia, por un importe de máis de 270.000 euros.

O presidente da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), Javier Domínguez Lino, e a xerente de Solo Empresarial do Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo, pecharon esta mañá na Coruña a adquisición das parcelas 15 e 16 deste polígono industrial, ás que se trasladará a actividade da planta que actualmente está en funcionamento no Monte do Son.

A función dunha planta de transferencia é a de transvasar os residuos desde os camións municipais a contedores de gran capacidade, para ser transportados, con todas as garantías ambientais e de seguridade ata o Complexo medioambiental de Sogama en Cerceda, onde reciben o tratamento oportuno conforme as súas características.

Ambas parcelas suman un superficie global de 4.530 m2, polos que Sogama aboará a SEA un importe total de 271.347 euros. Acollerán a nova planta de transferencia que xestionará directamente Sogama e ofrecerán unha ubicación estratéxica, ao posibilitar o acceso a servizos esenciais, como enerxía, auga, saneamento e Internet.

Esta localización propicia mellorar a accesibilidade e comodidade da instalación, polo que se garante un mellor servizo aos concellos que actualmente fan uso da mesma (Cee, Fisterra e Corcubión), ao resultar máis áxil a descarga, o que se traduce nun aforro de tempo e de combustible.

A planta de Cee transvasou en 2020 preto de 5.800 toneladas de residuos urbanos xerados polos tres municipios aos que dá servizo.